3 dic. 2019

"Mulleres con historia", proceso e libro


O libro “Mulleres con historia” é o resultado material dos obradoiros de Igualdade impartidos por Vanesa Castro e a Asociación Rural Contemporánea dentro do programa de sensibilización para promover a igualdade no Concello de Monfero.
Participaron 24 persoas, 22 mulleres e 2 homes, nun total de 10 sesións en diferentes lugares do Concello: Cámara Agraria (Rebordelo), Portal de Entrada ás Fragas do Eume (Mosteiro de Monfero), e dous locais privados de Xiao (Alto do Xestoso).


Durante os obradoiros valoramos e recoñecemos o traballo das mulleres ao longo da historia. Mulleres anónimas e loitadoras que traballaron dentro e fóra da casa, no campo e cos animais, e noutro tipo de traballos, como sacar adiante negocios.
Reflexionamos sobre a desigualdade debida ao xénero nun entorno próximo como é o familiar. Sensibilizámonos sobre as dificultades que atopan as mulleres no ámbito familiar e laboral. Coñecemos os traballos que realizan as mulleres próximas ás nosas vidas.

Reflexionamos sobre os cambios que se produciron na relación traballo - muller.
Tamén vimos como moitos traballos que históricamente foron masculinos son ben desenvolvidos por mulleres, e ao contrario, outros traballos relacionados cos coidados, históricamente asociados ás mulleres, son agora ben desenvolvidos tamén por homes.
Debatemos e recoñecemos a igualdade do home e da muller ante o traballo, que sempre depende das condicións de cada persoa independentemente do seu xénero.
Reflexionamos sobre cal é a realidade máis próxima a nós e como podemos contribuir a cambiala. Fixemos unha autocrítica para darnos conta de como ás veces caemos en certos prexuízos que teñen que ver co xénero.


Fomentamos o interese por coñecer a realidade a través de diferentes fontes: a conversa, a transmisión oral, a entrevista, a posta en común e o debate, os relatos, a lectura, as imaxes, os retratos..., facendo visibles ás mulleres das nosas vidas e do concello.
Visibilizamos ás mulleres das nosas vidas e ás do propio concello a través da publicación dun libro, Mulleres con historia, do que as persoas participantes son coautoras. Prácticamente todas as participantes quixeron formar parte do libro.
Reflexionamos sobre a historia, sobre quen escribe a historia.


Cada unha das participantes tivo o seu espazo de liberdade e de poder, na súa parte do libro. Entedimos a diversidade, as distintas visións da memoria.
As persoas participantes foron e son axentes activos, tanto en cada unha das sesións, como na difusión do libro. Nas distintas dinámicas, unhas e outras prestáronse axuda, algunhas participantes recolleron o relato doutras, déronse ánimos e compartiron historias das mulleres importantes nas súas vidas.
Destaca o sentimento compartido da necesidade de ter máis tempo, máis horas para xuntarse neste tipo de obradoiros e encontros, nos que compartir e aprender tanto, unhas das outras.



O libro está editado por Vanesa Castro, e maquetado e ilustrado por Iñaki López, con debuxos que parten de fotos reais das protagonistas.


Publicamos unha tirada de 110 exemplares, repartidos na súa maioría entre as participantes. A cada unha das persoas coautoras déronselle tres libros. Un para ter como patrimonio da súa casa, outro para emprestar e outro para regalalo. Ás que participaron nos obradoiros e non na coautoría do libro, démoslle un libro.
Dezasete libros, quedan en depósito no Concello para ser distribuídos entre axentes locais, como pode ser a escola do Xestal. Catro libros, distribuídos a través do Depósito Legal, para os seguintes centros: Biblioteca Nacional de España, Biblioteca de Galicia, Biblioteca Pública da Coruña “Miguel González Garcés”. 
Se estas interesado en consultar o libro ponte en contacto connosco enviando un e-mail a hola@ruralc.com




No hay comentarios:

Publicar un comentario