27 ago 2019

Paseo pola fauna e flora. Historias de Vilachá.

.

O sábado 24 e domingo 25 de Agosto, dentro do proceso Historias de Vilachá 2019, realizamos esta actividade que tiña como finalidade descubrir o ecosistema dos ríos, as plantas, os animáis, os hábitats, os lugares e as características propias da fauna e flora da parroquia de Vilachá.
Dinamizou a actividade o biólogo de Monfero Julián Carballeira. Durante as dúas sesións participaron un total de 30 persoas veciñas da comarca.

.

Na primeira sesión amosounos unha presentación que recollía numerosas especies de plantas e insectos. Poidemos ver un herbario e diversos cogumelos e formas de conservación.
Demos unha volta polo terreo do redor da escola para compartir coñecementos, detectar especies silvestres e recoñecer as diferentes árbores do entorno e as súas características.


A segunda sesión consistiu nunha andaina polo río Anduriña, para poñer en práctica os coñecementos da sesión teórica. Formamos un grupo e adentrámonos na ruta dos antigos muíños. Pasamos pola Fonte dos Mouros e fomos andando até Porto.


Durante a andaina vimos diversas especies de fieitos, musgos, líquenes e plantas, árbores, insectos, volvoretas e rastros de mamíferos, cogumelos tipo Leccinum, Russulaceas, Yesqueras e Ganodermas, entre outras, e diversos anfibios e réptiles, como a Salamandra Rabilonga (Chioglossa lusitánica), unha das xoias faunísticas da nosa comarca. Único representante actual do seu xénero, sobrevivente da fauna que habitou no Terciario os bosques termófilos europeos.


Fixéronse ramos de flores, collemos algúns bugallos e aprendemos a detectar especies de plantas con apps para móbiles.
Acabamos de volta na escola de Vilachá, onde a xente continuou falando. Xa temos aberto un grupo de Whatsapp chamado "Fauna e flora da comarca", onde seguimos compartindo información, dúbidas imaxes e descubrimentos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario