12 ago 2019

Encontros de costura creativa

.

Os días 6, 8 e 10 de Agosto realizamos os encontros de costura creativa na antiga escola veciñal de Vilachá, Monfero, no marco das actividades de Historias de Vilachá 2019.
Os encontros xurdiron a partires do relato "A trenza loura do faiado", e tiñan como propósito reciclar as sabas vellas feitas nas casas da parroquia e transformalas noutras prendas.


O liño plantábase aquí na casa, e da planta logo sacaban o fío e facían nobelos.
Eu usaría as sabas de antes porque son preciosas, pero o tamaño non chega para as camas grandes que hai agora.
As sabas baixeiras ben se ve as que son, aínda que non teñan gomas, porque son máis grosas. Chamábanlles sabos, eran feitas só de liño. As sabas de arriba facíanse de algodón, e chamábanlles lenzos.

Para dinamizar a actividade contamos coa patronista Lydia Ramos, que preparou moitos posibles patróns para transformar as sabas, ensinounos recursos e axudounos no proceso de creación das prendas.



Transformamos a escola nun taller de costura, dispuxemos máquinas de coser, remalladoras, ferro, etc, e trouxemos os materiais necesarios de costura, tales como fíos, tesoiras, papel de patronaxe, regras; Así como elementos decorativos diversos como reberetes, bieses, vivos, etc, e selos para estampar.

Fixemos da escola un obradoiro de costura por unha semana, e eu fun todos os días, fun mesmo fóra das horas das clases, para ir avanzando coas miñas prendas, comenta un veciño.

Durante a semana de encontros de costura realizáronse diversas prendas como mandilóns, porta-bocatas, cortiña decorativa, fundas de móbiles, camisas e unha saia.
Algunhas veciñas levaron copias dos patróns para as súas casas para continuar facendo novas prendas.


Unha vez iniciados, agardamos continuar con estes encontros de costura creativa na escola, contando coa colaboración das veciñas de Vilachá, que tan ben aprenderon a coser na súa xuventude.







No hay comentarios:

Publicar un comentario