18 ago 2019

Primeira andaina das Historias de Vilachá

.

O pasado sábado 17 de Agosto fixemos a andaina das Historias de Vilachá.
A actividade consistiu nun roteiro polos lugares emblemáticos onde suceden algunhas das historias e relatos que aparecen no libro publicado no 2018, facendo lectura dos relatos nas paradas.
Formamos un grupo de 19 persoas, a maioría veciñas da parroquia. A actividade foi dinamizada por Vanesa Castro, veciña da parroquia e axitadora cultural.


Comezamos no Cruceiro, e acercámonos até o adro da Igrexa onde fixemos unha introducción lembrando as veciñas e veciños que xa non están con nós, e que forman parte da memoria viva da parroquia. Neste lugar lemos:  O velorio e as visitas, O enterro e A tortilla.


Partimos até o Loureiro, paramos na casa de Consuelo, e recordámola. Lemos A madeira, As papas de fariña, Odín, e Eras boa para ser cativo. Estivemos falando do pan branco de Vilachá, do maínzo para as papas, e das sementes autóctonas.


A seguinte parada foi no cruce das brañas embaixo do Feal. Alí falamos das granxas de vacas, e lemos As vacas, A visita e As flores das brañas.


Continuamos até a ponte que vai de Goente ao Casal, onde lemos O río, As troitas e As pontes. E de ahí fomos bordeando o coto de Fradiz até baixar á ponte e ao muíño do Loureiro, lugar onde sucedeu A paga de Pascua e onde lemos tamén Os muíños.


Fomos até o Piñeiro e baixamos á antiga Presa de Rexo onde lemos A presa , O libro do indiano e O pedrazo. Aínda que comezaba a chover un pouco paramos na ponte do Piñeiro e estivemos vendo as antigas chantas e falando da pesca das troitas.


Logo tomamos o camiño para A lagoa, antigo campo de fútbol da parroquia, onde se coñeceron os primeiros balóns de coiro. Alí lemos A pelota de pau e estivemos rememorando onde estaban as porterías e onde se sentaba a xente a ver os partidos.
Tras dúas hora e media de camiñata fomos acabar ao Bar do Cruceiro, onde lemos algunhas historias relacionadas co Bar, como O teléfono, A radio e A tele.
Foi unha tarde de lecturas, aventuras, lembranzas e veciñanza.
Unha veciña comentaba, canto vou soñar esta noite.
 



No hay comentarios:

Publicar un comentario